Saturday 11 de May de 2024

Arranca o programa de Antenas de Información Xuvenil coa formación do alumnado seleccionado para o curso 2023-2024


O Concello vén de publicar a resolución definitiva das candidaturas seleccionadas para participar no programa

O Concello da Coruña, a través do servizo de Mocidade, vén de publicar a resolución definitiva de candidaturas seleccionadas para participar no programa “Antenas de Información Xuvenil en centros educativos do Concello da Coruña durante o curso académico 2023/24”

O obxectivo do programa de Antenas é crear unha rede de pequenas sucursais dos Espazos Municipais de Información Xuvenil en centros educativos da cidade, ubicadas tanto en centros públicos como en centros concertados con ESO e bacharelato, e promover a difusión e a dinamización de información xuvenil entre iguais.

Hoxe ás 16.30 horas dará comezo o Programa no Fórum Metropolitano coa realización dunha xornada de benvida destinada ao alumnado seleccionado. Durante esta xornada as novas Antenas recibirán formación en materia de información xuvenil para levar a cabo a súa labor durante este curso (conceptos básicos, ferramentas para a difusión da información, xestión de redes sociais, etc.).

Cada proxecto de antena seleccionado recibirá unha compensación económica de 100 euros, entradas a eventos organizados polo Concello da Coruña, e un certificado que acredite a súa participación no programa.

Para 2023-2024 foron seleccionadas 26 antenas de información xuvenil (19 alumnas e 7 alumnos) pertencentes a 17 centros educativos da cidade, nos que se levará a cabo este programa para o vindeiro curso xunto a outros 2 centros seleccionados polos seus proxectos de natureza singular.